Docentes da Universidade participan nun curso que imparte o profesor Carlos López Ardao


Fecha
Localización
Universidade de Vigo

M. Del Río | Vigo

Empregar o xogo fóra dunha contorna lúdica, o que se coñece como gamificación, é unha metodoloxía que incrementa cada vez máis a súa presenza en diferentes eidos, entre eles a docencia, xa que cada vez son máis os profesores e profesoras que optan por introducir na aula os elementos do xogo e a maneira de pensar do xogo. Para que o fagan empregando unha base formativa previa, a Área de Innovación Educativa organiza un curso para o persoal docente e investigador centrado especificamente na gamificación na docencia universitaria que imparte o profesor da EE de Telecomunicación José Carlos López Ardao. O obradoiro ten varias sesións presenciais que rematan o vindeiro 21 deste mes e outra non presencial que se estende ata o día 20 deste mesmo mes con todas as prazas cubertas case dende o primeiro momento.

López Ardao destaca que a gamificación é unha “metodoloxía que está moi en auxe nos últimos anos e estase a aplicar en moitos ámbitos, esencialmente, no márketing e na relación cos clientes, exemplo disto son compañías como BBVA, Nike+ ou Starbucks, etc.” O docente explica que axuda a mellorar o rendemento dos empregados dunha empresa pero tamén é eficiente na innovación a través da creatividade e brainstorming, “e ultimamente tamén no ámbito da responsabilidade social e para desenvolver hábitos como facer deporte, comer sa ou reciclar”. Pero un dos grandes nichos nos que a gamificación está amosando o seu potencial é na educación, tanto na etapa obrigatoria como na superior. Segundo o docente do curso e investigador no Departamento de Enxeñaría Telemática, “os principais problemas na educación moderna están relacionados coa falta de compromiso e motivación dos estudantes”. Neste sentido, sostén que “os enfoques do xogo poden levar en moitos casos a un maior nivel de compromiso e motivación das persoas naquelas actividades nas que están involucradas”. De feito, explica que existen estudos, como o realizado por Zichermann & Cunningham en 2011, que demostran quer “o uso de mecánicas do xogo mellora as habilidades para aprender novas competencias nun 40%”.

O obxectivo do curso é dar a coñecer esta metodoloxía tan en auxe ao profesorado da Universidade de Vigo para que sexa quen de desenvolver experiencias de aprendizaxe que favorezan a motivación do alumnado a través do xogo, tanto dentro como fóra da clase. Non se necesita ningún tipo de necesidade formativa en xeral, aínda que sería interesante, pero non estritamente necesario, manexar algunha plataforma educativa que permita incluír estes elementos de xogo. “Neste curso veremos esencialmente o caso de Moodle porque témola dispoñible en FAITIC e da moito xogo para a gamificación”, puntualiza.

Un crecemento estreitamente relacionado co auxe da mundo dixital

O profesor López Ardao explica que o auxe da gamificación nos últimos anos, estreitamente relacionado co crecemento das novas tecnoloxías e da contorna dixital, especialmente dos videoxogos, tanto en consolas como en teléfonos móbiles, non está sendo homoxéneo en todos os países. En España “o nivel de implantación é moi baixo” segundo o docente, aínda que cada vez hai máis experiencias deste tipo. No seu caso, leva empregando esta metodoloxía nos últimos anos, “sobre todo nunha materia de mestrado na que teño poucos alumnos, porque o enfoque e as posibilidades da gamificación son moi distintas se o número de alumnos é moi elevado, aínda que sempre se poden facer cousas moi interesantes”. Froito da súa traxectoria, considera que “a experiencia e a reposta por parte do alumnado son excelentes e cada ano doulle máis protagonismo á gamificación”.